Tuesday 16 de April de 2024

Abre o prazo de presentación de solicitudes ao PEL- Reactiva na Pobra


O Concello da Pobra do Caramiñal abre dende este mércores 11 e ata o 25 de novembro o prazo de presentación de solicitudes ao PEL-Reactiva, impulsado pola Deputación da Coruña, despois de que no día de onte se publicase no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP). Así o deron a coñecer membros do Goberno municipal, concretamente, o alcalde Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), a concelleira
da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra); a edil das Relacións Institucionais, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); e a homóloga do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG).
A edil Charo Varela explicou se trata dunha medida focalizada no eido económico-laboral e que, no caso concreto da Pobra, a contía asignada pola institución provincial é de 126129’63 euros e o Concello debía achegar un mínimo de 31532’41 euros adicionais procedentes dos seus recursos propios mais, tal e como expuxo, decidiuse que a achega municipal sexa de 373870’37 euros -con cargo ao remanente do 2019-, que se sumarán aos proporcionados pola Deputación, redundando en ao redor de 500000 euros, co propósito de “chegar ao maior número de empresas posibles.” Neste senso, fixo fincapé en
que “cremos que é unha aposta importante" coa que se agarda “paliar parte de toda esta crise”, insistindo en que se estudará unha posible liña de axudas, a maiores, para aquelas que non resultaron beneficiarias, a pesar de sufri-las consecuencias da crise.
Pola súa parte, a concelleira Patricia Lojo valorou “moi positivamente “estas axudas e indicou que a Deputación da Coruña, presidida por Valentín González Formoso, fixo “un gran esforzo” ao aprobar o PEL-Reactiva, ao cal se adheriu a Administración local,”axudándonos aos Concellos a facer fronte a esta crise sanitaria que leva consigo unha gran consecuencia na nosa economía”. Engadiu que a contía da institución provincial "axudaranos a darlle un empuxón importante á economía da Pobra" e as bases facilitan as tramitacións, ademais de incidir na relevancia da achega municipal. Concluíu manifestando que deben primar “boas relacións, boa comunicación e sacar adiante medidas e axudas
para que todos poidamos ir un pouco mellor”.
Na súa intervención, a edil Amparo Cerecedo sinalou que se trata dun día importante ao tratarse “dunhas medidas, dunhas axudas, moi demandadas polo sector económico debido á situación que estamos vivindo”. En relación a isto, focalizouse no que respecta á tramitación, a cal cualificou como 2moi sinxela”, e que se realizará de maneira telemática mediante a sede electrónica do Concello,
dentro do apartado de “Tramites destacados’, onde figuran os anexos e a documentación que resulta preciso presentar. En consecuencia, póñense a dispor dous técnicos da área do Desenvolvemento Local. Deste xeito, animou a que “tódolos autónomos, hostaleiros, comerciantes e empresas as tramiten e
que chamen para calquera dúbida”.
Finalmente, o rexedor expresou que, dentro dos tres grupos de empresas que optan a ser beneficiarias, se establecerán criterios. Tamén insistiu na importancia da presentación das solicitudes porque a resolución farase por orde de entrada. En relación á contía asignada, analizarase a posibilidade de sacar unha segunda liña “se consideramos que é xusto e necesario para que chegue a axuda”.
Como posibles beneficiarias destas axudas figuran, por orde preferente, tres tipos de empresas: no grupo 1 enmárcanse aquelas que pecharon durante o confinamento de forma obrigatoria seguindo o Real decreto 463/2020; ao grupo 2 adscríbense aquelas cuxa facturación no segundo trimestre fiscal do 2020 se vise reducida, polo menos, nun 75%; e no grupo 3 atópanse as sometidas a ERTE.
A contía vai dende os 1500 euros por unha empresa que non teña ningunha persoa empregada ata 3000 euros para aquelas cuxo cadro de persoal se compón de entre 6 e 9. Ademais, o período subvencionable abarcará dende o 1 de marzo ata o 31 de decembro de 2020.
As ditas subvencións xustifícanse coa compra de material antiséptico ou desinfectante, produtos hixiénicos e de limpeza; arrendamentos e canons; reparación e conservación; primas e seguros; e subministracións.
Entre os requisitos figuran ter o domicilio fiscal na Pobra, estar ao corrente de tódalas obrigas tributarias -tanto estatais como da Comunidade Autónoma-, non ter ningunha débeda co Concello e cumprir con tódalas obrigas establecidas nas bases.